Translate

3 oct 2011

80 anos de parabéns a Clara Campoamor

Cúmprense oitenta anos desde aquela xornada na que a deputada do Partido Radical, Clara Campoamor, conseguiu vencer as reticencias de varóns das Cortes Republicanas (da dereita e da esquerda, incluso do seu partido) para permitir ás mulleres españolas o acceso ao sufraxio activo. Foron longas negociacións, traicións e plantes como o da súa única semellante, a socialista Victoria Kent, que desconfiaba da independencia de criterio das mulleres, dominadas pola igrexa. 
Neste aniversario gabámonos da valentía de Clara Campoamor co seu taxante e innegociable: "unha muller, un voto". Unha aposición semellante, claro que só no aspecto gramatical, saía estes días da boca do Ministro de Xustiza, Francisco Caamaño -"un home, un cargo"-, en relación á acumulación de cargos públicos de polític@s do PSOE. Pero o máis grave do asunto non é a expresión, xa de por si excluínte e trasnoitada, senón o silencio e a falta de réplica das mulleres  e os homes do seu partido, sobre todo dos que presumen de feministas nos mitins. Alí si que repiten ata a o empalago aquilo de "compañeiras, compañeiros, mozos e mozas..." Que pasaría se Caamaño trocase o xénero: "unha muller, un cargo"? Probablemente sairían como feras todos eles e, o peor, elas, tamén indignadas polo lapso. Pero non é doado confundirse a prol do sector marxinado.
Desde a óptica feminista a docilidade coa que aceptamos ser obviadas, soa a renuncio, a baixada da garda ideolóxica; unha especie de insensibilidade ante a "norma excluínte", que se nos pode vir enriba como castelo de naipes, cando máis seriamente deberíamos apuntalar os nosos dereitos.